jueves, 27 de marzo de 2008

ACTIVIDADES MES DOS LIBROS

O mes de abril, e o mes dos libros xa que celebramos o 2 de abril o Dia Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o 23 de abril o Dia Internacional do Libro.
Por ese motivo a Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia ten varias actividades previstas. En todo o mes poderase visitar a exposición "Biblioteca de Libros Fantásticos".

Esta exposición conta cunha serie de libros tratados plasticamente para que nos evoquen historias de cada un deles. Cada libro acompáñase dun texto que narra o que lle sucedeu. Os libros fantásticos son o resultado dun extenso traballo no mundo da narración oral e da animación á lectura. Están concibidos coa intención de achegar o obxecto-libro ao público baixo unha mirada aberta que estimule a imaxinación, invitando aos visitantes a que inventen aventuras a través destes libros ou que creen os seus propios .

O día 2 de abril recibiremos a visita dos nenos de Prescolar do Colexio Público Tomás de Lemos, e ademais de ver a exposición "Biblioteca de Libros Fantásticos" teremos unha sesión de contacontos a cargo do grupo Títeres Cachirulo.
O día 21 de abril recibiremos un segundo grupo de nenos de Prescolar do mesmo colexio e tamén un grupo de nenos de 1º de Primaria para un obradoiro de creación dun conto a cargo do grupo Títeres Cachirulo.

O día 19 de abril ás 20:30 h. terá lugar a representación teatral "Un avó especial" do grupo Migallas Teatro. É un espectáculo no que se aborda o tema da enfermidade do Alzheimer co obxectivo de axudar a comprender situacións que moitas familias poden vivir no seu contorno. Malia a seriedade do tema que trata ten un enfoque humorístico que persegue fomentar actitudes optimistas para afrontar os problemas da doenza e amosar a importancia que teñen os nenos e nenas para que os maiores vivan momentos felices. Á parte da enfermidade, tamén se trata o tema da relación entre nenos e vellos en xeral así como diferentes modos de educar os rapaces por parte dos membros da familia. Os avós preséntanse como transmisores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo fronte á uniformidade cultural imposta pola publicidade e os medios de comunicación. Ditos tradicionais, lerias e enredos son un elemento máis da obra.

O 26 de abril ás 20:30 h. terá lugar a representación da obra "Unha de amor" do grupo Artello Teatro. Os animais que moran nunha pequena vila viven atemorizados pola inquedante presenza dun conveciño díscolo, o Gato Gaiado. A él atribúen os crimes máis arrepiantes e a orixe de tódalas desgrazas que alí acontecen.
Coa chegada da Primavera, unha xove e ousada andoriña consegue o nunca visto: ante o abraio de todo o vecindario, o Gato Gaiado sorríu. A partir dese momento, desenvólvese unha relación entre o Gato e a Andoriña que convulsiona a esa comunidade.

lunes, 10 de marzo de 2008

OBRADOIRO VIVIR OS CONTOS


O venres 14 de marzo ás 18:00 h. terá lugar na Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia (sita na Casa da Cultura) un obradoiro enmarcado no programa Letras Vivas Animación, titulado "Xogar cos sentidos", do grupo Anias Animación Sociocultural. En él os rapaces traballaran os sentidos a partir de contos tradicionais e actuais.

Está dirixido a rapaces entre 4 e 8 anos, e tan só poderan apuntarse 25 nenos.