jueves, 27 de marzo de 2008

ACTIVIDADES MES DOS LIBROS

O mes de abril, e o mes dos libros xa que celebramos o 2 de abril o Dia Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o 23 de abril o Dia Internacional do Libro.
Por ese motivo a Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia ten varias actividades previstas. En todo o mes poderase visitar a exposición "Biblioteca de Libros Fantásticos".

Esta exposición conta cunha serie de libros tratados plasticamente para que nos evoquen historias de cada un deles. Cada libro acompáñase dun texto que narra o que lle sucedeu. Os libros fantásticos son o resultado dun extenso traballo no mundo da narración oral e da animación á lectura. Están concibidos coa intención de achegar o obxecto-libro ao público baixo unha mirada aberta que estimule a imaxinación, invitando aos visitantes a que inventen aventuras a través destes libros ou que creen os seus propios .

O día 2 de abril recibiremos a visita dos nenos de Prescolar do Colexio Público Tomás de Lemos, e ademais de ver a exposición "Biblioteca de Libros Fantásticos" teremos unha sesión de contacontos a cargo do grupo Títeres Cachirulo.
O día 21 de abril recibiremos un segundo grupo de nenos de Prescolar do mesmo colexio e tamén un grupo de nenos de 1º de Primaria para un obradoiro de creación dun conto a cargo do grupo Títeres Cachirulo.

O día 19 de abril ás 20:30 h. terá lugar a representación teatral "Un avó especial" do grupo Migallas Teatro. É un espectáculo no que se aborda o tema da enfermidade do Alzheimer co obxectivo de axudar a comprender situacións que moitas familias poden vivir no seu contorno. Malia a seriedade do tema que trata ten un enfoque humorístico que persegue fomentar actitudes optimistas para afrontar os problemas da doenza e amosar a importancia que teñen os nenos e nenas para que os maiores vivan momentos felices. Á parte da enfermidade, tamén se trata o tema da relación entre nenos e vellos en xeral así como diferentes modos de educar os rapaces por parte dos membros da familia. Os avós preséntanse como transmisores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo fronte á uniformidade cultural imposta pola publicidade e os medios de comunicación. Ditos tradicionais, lerias e enredos son un elemento máis da obra.

O 26 de abril ás 20:30 h. terá lugar a representación da obra "Unha de amor" do grupo Artello Teatro. Os animais que moran nunha pequena vila viven atemorizados pola inquedante presenza dun conveciño díscolo, o Gato Gaiado. A él atribúen os crimes máis arrepiantes e a orixe de tódalas desgrazas que alí acontecen.
Coa chegada da Primavera, unha xove e ousada andoriña consegue o nunca visto: ante o abraio de todo o vecindario, o Gato Gaiado sorríu. A partir dese momento, desenvólvese unha relación entre o Gato e a Andoriña que convulsiona a esa comunidade.

No hay comentarios: